jueves, 7 de julio de 2011

A MIÑA ÚNICA ESCOLA , FOI A DA VIDA

ESCOLA UNITARIA DE NENOS EN CHANTEIRO
A ÚNICA ESCOLA: A Vida.
Cun ano de atraso, polas miñas limitacións locomotoras, comecei na Escola Nacional Unitaria de Nenos de Chanteiro, no curso 1950/51.
Esta Escola Nacional de Primaria situábase alugada no piso dunha vivenda particular no lugar chanteirés do Monteiro.
Había que subir escaleiras e quedaba aloxada dá casa onde vivía. Todo isto ocasionábame trastornos para desprazarme a ela catro veces o día. Sempre axudado con bastóns.

Os camiños eran de terra. Cando chovía, cubríanse de barro e lama. E entón xa non podía ir.
¡Moitas caídas e molladuras teño levado!.

Por este motivo, durante unha tempada dos invernos xa non asistía. E no verán, outra boa tempada eran de vacacións. Así foi que, iría a Escola uns seis meses no ano, o que fai un total de 6x8= 48 meses, é dicir uns catro anos lectivos foi a miña escolarización.
Esta foi toda a miña asistencia presencial a única aula de ensino que asistín ao longo da miña vida.

O resto dá miña ensinanza e instrución, débolla a vida e métodos autodidácticos.
Cando empecei na escola xa levaba aprendidas as vocais e sabía escribir palotes e ceros. Na casa tivese "O Silabario" dá "Cara de Cristos" e xa comezase tamén co "Rayas Primeras".
No camiño do Monteiro na Escola
Despois na Escola seguiría coa "Rayas Segundas" e "Rayas Terceiras". Logo pasei os Manuscritos,tamén Primeiro, Segundo e Terceiro.
E para rematar virían xa as Enciclopedias de Grao Primeiro, Segundo e Terceiro dá Editorial "Dalmau Carles". De aí xa non pasábase naqueles tempos.

Inicio do Curso co Maestro José Felpeto


Outros nenos, mais tarde deprenderían nos "Amiguitos" e Enciclopedias "Álvarez".

Naquela Escola Nacional había un só Mestre para todo o alumnado de 6 a 14 anos. E, a verdade hai que dicila, non estaban moito pola labor.
Sometes a cumprir o horario o menos posible e sen esforzo nin dedicación.

De todolos xeitos recordo a todos eles con afecto: Felpeto, Antucho e os seus fillos (Tucho, Pepe e Evaristo), que eran os que mandaba moitas veces a dar as clases e nos levaban de excursión. E como eu non podía andar moito, me teñen cargado ao lombo en ocasións.

Despois pasaron outros Mestres, como un tal alcumado "Katán", que as veces viña un tanto "beodo" e repartía caramelos, pero tamén bos vareazos.
Cando chovía e había moito barro, pedíame o bastón para irse para a vivenda no "Bar Buenavista", e logo mo traía de volta outro neno, mentres eu esperaba na porta dá Escola.

Logo viría un profesor novo chamado D. Pelayo. Era falanxista acérrimo e fillo de militar. Pero nos encantaba, pois xogaba nos recreos cos cativos e despois na Escola polas tardes aprendiamos todas as cancións e himnos dá Falanxe e Movemento: Cara ao Sol, Prietas as Filas,
Montañas Nevadas, Isabel e Fernando, ....

O último Mestre meu foi un xa maior chamado Florencio Filgueira.
¡Moitas lle fixemos!.
Levaba a chaqueta de pana por detrás toda chea de tinta. Porque cando paseaba polos corredores entre os pupitres, dicindo: ¡estuden, estuden!!, nos, mollábamos a pluma no tinteiro e sacudiámoslla no lombo dá chaqueta. Tamén disparabamos grans de trigo que levábamos nos petos e metiamos na boca e logo soprabamos cun tute de canaveira. O piso dá Escola estaba cheo de trigo, que me parece que algunha vez
Geluco o fillo de Benedicta, que vivía na casa do lado trouxo as galiñas a que comeran.

A escola tiñámola que varrer os cativos con escobas, despois de salpicar con auga dunha botella para que non levantásese moita terra e po do que se traía non calzado.

A ESCOLA
Fisicamente o aula era unha sala corrida e rectangular, sobre un piso de madeira.
A entrada, con escaleiras estaba ao Leste. Ao fondo Norte había tres fiestras, no lateral esquerdo dúas ventás altas do chan ao teito. A fronte, orientado ao Sur tiña tres ventás balconadas. A luminosidade estaba garantida e a estancia resultaba confortable.

A mesa do Profesor estaba situada entre os balcóns da fronte, encarándose coas fileiras dos pupitres.
Detrás desta mesa había un gran crucifixo e aos lados os retratos do Caudillo Franco e José Antonio Primo de Rivera, fundador da Falanxe.

Tamén unha copia da "Purísima Concepción" de Murillo, cunha repisa de madeira, onde no mes de maio púñanselle as flores que levabamos os alumnos das nosas casas.

No lateral externo da esquerda do balcón había unha placa oxidada, na que apenas se podía ler un rótulo que puña que se trataba da Escola Nacional de Chanteiro (ARES) e aínda puña REPÚBLICA ESPAÑOLA. Tamén había nela un mastro, pero sen bandeira. Que eu recorde púxose,a Nacional claro, en moi poucas ocasións.

Fronte á porta de entrada había un espazo común para as dúas vivendas, de terra embarrada pero que cando estaba seca permitía que os nenos xogásemos ás bólas, ao peón, ao marro, a billarda e demais xogos da época.

No aula e á beira da mesa do Mestre había un estante, a modo de vitrina, que contiña moi poucos libros antigos. Entre eles recordo varios: "O Catón", "A Canción do Pirata" de Espronceda, algunhas Historias de España, a biografía de Jaime Balmes e moitas Revistas de "O Maxisterio Español", pero ningún Dicionario.

Seguro que os libros que houberon anteriormente da República xa fosen queimados polos "triunfadores" do chamado Alzamento Nacional do Caudillo Franco.

Nese andel tamén colocábanse os "corpos xeométricos", unha colección de Pesas desde un Kg. a 1 cg., un Transportador ou Semicírculo Graduado para medir ángulos e máis tarde unha Esfera Terrestre ou Bóla do Mundo.

Nas paredes caleadas había dous encerados ou pizarras e varios mapas de España e América ou Novo Mundo.
Outros mapas vellos da Europa antiga de antes da Guerra, de Asía, África e Oceanía, estaban enrrollados.

A ENSEÑANZA ERA DEFICIENTE

Os mestres, a verdá, e que non esforzábanse moito. Se tardaban en chegar, porque se lles estragase a bicicleta ou a moto, tíñamos orden de pasada media hora do horario de entrada, pedir a chave na casa dá veciña e entrar.

Despois cando chegaban se había alboroto empezaba a repartición de "leña".
Durante os recreos, ou cando dáballes a gana, os Mestres saían a falar cos veciños, baixaba a arranxar as motocicletas e algúns poñían inxeccións e ata sacaban dentes e moas.

O ensino era moi deficiente. Non se complicaban a vida.
Empezabamos escribindo unhas mostras de caligrafía, despois estudar a lección berrando e ata cantando para memorizar. Tal ocorría coa "táboa de multiplicar", os verbos, as preposicións, os Reis Godos, os límites de España, ríos, cabos, golfos,cordilleiras.

Tamén o Catecismo. Estudábase todas as tardes en voz alta e cantando. Tanto as oracións, como os Mandamentos, Sacramentos, Artigos da Fé, pecados capitais, vicios e virtudes. E todo o demais contido deste Catecismo que aínda era o do "Padre Astete" e tiña preguntas e respostas de letra normal, negriña e miúda. Cheguei a sabelo todo completo de memoria.

Algunhas tardes, ademais de cantar en voz alta o Catecismo, momento que aproveitaban algúns profesores para botar unha sesta nunha hamaca, tamén investiamos o horario escaso da tarde, rezando o Rosario e tomando a merenda das doazóns USA.

Familia completa de la época

A lección iamos dala todos xuntos á mesa do profesor. Facíanos unha pregunta a calquera, sen orden, e había que contestala de carretilla e ao pé da letra, sen moitas veces saber o que dicías. Pois se non che acordaba dunha palabra xa se che cortaba o memorizado e tiñas que iniciar o recitado desde o comezo.

Era algo parecido a isto:
- Que é a historia?
- Historia é a sucesión dos sucesos, sucedidos sucesivamente na sucesión dos séculos.

Despois copiábase no caderno raiado, parte da lección adornándoa con algún debuxo alusivo. Ás veces tamén ditado. E as palabras con falta de ortografía había que escribilas repetidas veces.

Tamén se podía facer análise morfolóxico dunhas cantas oracións.

Soamente cando eran matemáticas ou xeometría saíase ao encerado con xiz e pano de borrar, para pór cantidades, facer operacións das catro regras, sistema métrico. Tamén se miraban os corpos xeométricos feitos de cartolina ou madeira. Desde o hexaedro ou cubo ata o dodecaedro e icosaedro. E tiñamos que facer o desenvolvemento, áreas, volume.

Tamén as liñas da circunferencia, ángulos, polígonos, etc. Debuxábanse ata a elipse, ovalo, ovoide, ....
Cando era Xeografía saíase ao mapa mural e cunha vara sinalábanse os límites, ríos, cordilleiras, cabos, golfos, capitais e nacións. Era divertido porque parecía un xogo de acertar.

LEITE EN PO, QUEIXO E MANTEIGA

Moito é o que se podía recordar daquela época, pero imos mencionar o máis salientable.

Houbo uns anos en que se repartía polas Escolas un complemento alimenticio, procedente de Estados Unidos, que viña ser un pequeno Plan Marshall.

Tratábase de leite en po, manteiga e queixo.
O leite en po había que facela con auga nunha pota grande e logo repartila en vasos que había que levar de casa.
No inverno quentábase nun hornillo de petróleo. Os nenos tiñan que ir buscar a auga á fonte e logo ir lavar todo.
Polas tardes repartíase o queixo e a manteiga que viña en latas grandes. Traíase un cacho de pan de casa, o que o tiña.
Formábase unha fila a iso das catro e entre ese barullo e un pouco de catecismo xa se acababa a xornada vespertina.

SAÚDOS A ENTRADA E REZOS

Se un alumno chegaba tarde, tiña que chamar á porta e preguntar:

- Pódese.
- Si, adiante.

Achegábase á mesa de profesor e dicía:
- Bos días, como está Vd.?
- Ben, e ti.
- Ben, grazas.

Pois podes sentarche.
As veces requiríase sobre o motivo da tardanza e se estaba xustificado aceptábase. Se xa habíase pasado lista xa se tiña unha falta.

Ao entrar facíase todos xuntos en multitude e cada un dirixíase ao seu pupitre.
O Mestre mandaba pórse en pé e logo había que signarse e santiguarse, rezando varias oracións: Padrenuestro, Avemaría e Gloria ao
Pai.

Con D. Pelayo, ata se cantaba o Cara ao Sol, co brazo estendido.
Tamén se rezaba unha oración que dicía algo así:

Señor y Dios Nuestro,
José Antonio esté contigo.
Nos guía el Caudillo,
Señor, protege su vida
para que podamos alcanzar
el destino universal de
propagación y defensa de los
valores espirituales,
por todo el MUndo.
Amén.


OS CASTIGOS

Por aquel entón aínda se seguía a máxima de que "a letra con sangue entra".
Os castigos eran bastante bárbaros: Pór de xeonllos e cos brazos en cruz con libros e fronte á parede.
Dar paus nas mans e nas uñas e o máis suave de deixar sen saír a recreo, ou metelo nun cuarto escuro.

PREMIOS

Moi poucos. Pór boas notas, algún libro que se sorteaba.

Escribir no "Caderno de Colaboración". Só facíano os mellores, pois estes traballos eran os que se ensinaban cando viña á Escola o Inspector ou Inspectora de Zona do Ensino Primario.

O mestre xa sabía o día que ía vir, xeralmente acompañada polo Alcalde. Procurábase que todo estivese en orden.
Facía algunha pregunta aos nenos, que mellor podía contestar. A min tocoume en varias ocasións.
Miraba o Caderno de Colaboración e escribía no Libro de Visitas.
Os Libros de Visitas tiven a ocasión de poder velos e neles, a Inspectora de Zona que asinaba como Elisa Orio, aparte dalgún outro que tamén viña, facía unha descrición do nivel atopado, as súas impresións e sempre unhas recomendacións ao Profesor sobre mellorar o nivel, a atención, o cumprimento dos horarios. Todo non deixaba de ser unhas simples advertencias protocolarias, que nunca se cumprían por parte do mestre e coa compracencia dos mandatarios municipais que coñecían perfectamente todos os abusos.

CUMPRIDA A ETAPA ESCOLAR: A VIDA

Antes de saír da Escola Primaria xa empecei a seguir un Curso de Radio por correspondencia en ESCOLA RADIO MAYMÓ, ao que seguirían outros en ACADEMIA "CCC", que deixo para contar noutra reseña.

Despois xa en casa fun alcanzando outros saberes e cultura. A base de lecturas de xornais, revistas e libros.
Tamén coa inestimable axuda de amigos que ían estudar a Ferrol en Institutos e Academias.

Coa disciplina imposta pola miña situación persoal conseguín, de forma autodidáctica, superar estas limitacións para obter unha formación e chegar a ser o que chaman os ingleses un "self-made man" (que se fixo a si mesmo).


Foi grazas a todo isto como conseguín obter "por libre", o Bacharelato con Reválida, examinándome no Instituto de Ensino Medio "Concepción Areal" de Ferrol, en tan só dous anos e cando xa pasaba dos 20 anos de idade.

Por recomendación case obrigada dos meus pais, propuxéronme que tiña que dar clases particulares aos nenos durante o período vacacional estival e para recuperación.
Así ocorreu durante varios anos, en que facía escola nunha sala da casa. Daba varias sesións diarias e cheguei a ter entre nenos e nenas sobre corenta alumnos aos que cobraba unhas 25 pesetas a mes. ¡Chegaba para moi pouco!

Pero esta actividade, obrigaba a ter que seguir estudando e aprendendo, para logo transmitilo, como podía, aos pequenos.
Moitos dos meus alumnos, así como os seus pais, agradecéronmo sempre.


PARADOXOS DA VIDA:  VOLTA A  ESCOLA PRIMARIA.

Si, ¡cantos paradoxos dá a vida!. Pois quen me ía a dicir a min que volvería á miña Escola Primaria e única aula onde asistín, para facer de "Profesor".

Ocorreu cando tería entre 18 e 20 anos. Estaba por aquel entón de Mestre Nacional en Chanteiro un novo profesor de Lugo, Fenández de la Vega, o cal durante tres meses tiña que ir a un campamento en Puente la Reina, en León, para facer o Servizo Militar pola modalidade das Milicias Universitarias.

Como era amigo meu, chegamos a un acordo para que durante ese tempo atenderíalle eu a Escola.

Así foi como volvín á miña Escola do Monteiro, pero xa como "profesor". ¡Que de ironías ten a vida.!

Porque ademais, tamén atendín durante un tempo a Escola Unitaria de Nenas de Chanteiro, durante o final do embarazo e parto da Mestra titular, que así mo veu a solicitar.
Neste caso, coa agravante de que esta Mestra antes criticábame por dar "clases particulares", sen ter ningún título.
Pero a ela ben que lle servín e agradeceume.

¡Son éstas as cousas da "ESCOLA DA VIDA"!